Get Adobe Flash player

Taboleiro de anuncios

Sallenet

Lema do ano

Somos La Salle. Lema curso 2018-19

PROYDE: 30 años

PROYDE: 30 años

Facebook

Síguenos en Twitter

Despedida do curso das clases de 5º e 6º EP na Granxa Escola Alvarella

O martes 18, mércores 19 e xoves 20 de Xuño, os alumnos e alumnas de 5º e 6º EP tiveron a excursión de fin de curso, á Granxa Escola Alvarella situada en Vilarmaior, preto de Pontedeume. Durante estes tres días os nosos alumnos e alumnas gozaron da natureza, do lecer e tempo ao aire libre e da convivencia entre eles. Eles mesmos vannos a contar o que fixeron estes tres días:

Primeiro día:

“Saímos do colexio con moitas ganas de empezar a excursión de fin de curso, que estabamos a esperar ansiosos. O camiño en bus foi curto e ao chegar a Alvarella, deixamos as maletas e fomos facer unha camiñada polas Fragas do Eume. Leváronnos polo corazón deste parque natural. Observamos o tipo de vexetación, as árbores, o río. Visitamos o Mosteiro de Caaveiro e alí comemos o picnic, que nos preparaban as cociñeiras de Alvarella. Vimos os dous ríos que pasan por alí: o Eume e o Sesín. Aprendemos moitas cousas deste ecosistema e acabamos moi cansos. Choveunos un pouco, pero nese momento, estabamos a facer unha parada para observar os tritóns que estaban nunha fonte e tiñamos á beira un pavillón para descansar.

Cando voltamos a Alvarella, tivemos unha charla de iniciación para aprender as normas básicas da Granxa, das habitacións e do comedor. Distribuíronnos en quendas para poñer a mesa, servir e limpar. Todas estas quendas eran rotativas, acabando sempre rápido de recoller o comedor. Descubrimos que entre todos, sempre se acaba antes. Logo merendamos un bocadillo moi rico de chourizo e falamos cos nosos pais por teléfono para avisalos de que chegáramos ben.

Despois de que colocamos as maletas nas habitacións, repartimos en que cama iamos durmir e puxemos as cousas no seu sitio, saíu un pouco o sol e bañámonos na piscina. Fixemos moitos xogos de auga e gustounos moito poder disfrutar dos xogos cos compañeiros na auga. Ás nove ceamos caldo e pasta con carne que estaba boísima e máis tarde fixemos unha velada moi chula que consistía no xogo de “Captura a bandeira”. Ás 12:00 h fomos durmir, cansados dun día moi intenso, pero no que realizamos moitas actividades moi chulas” (Mencía, Lucía, Tania, Miriam, Izán).

Segundo día:

“Hoxe empezamos o noso día, espertándonos ás 8:30 h e despois fomos a almorzar. Deixáronnos un pouco de tempo libre no que xogamos ao ping pong, os zancos, o parque dos columpios, ao fútbol, ao ninja, ás cartas do un… e despois fixemos uns xogos de orientación polo bosque de Alvarella. Ensináronnos a usar a brúxula e tiñamos que buscar no bosque tipos de árbores, respondendo a unhas preguntas que nos deron antes. Sobre as 12:00 h da mañá xantamos unha peza de froita e estaba moi rica. Despois iniciamos outra actividade que consistía nun xogo por grupos na que a través dun mapa tiñámonos que orientar por toda Alvarella para atopar unhas balizas. Ás 14:00 h fomos a comer lentellas, (algúns repetiron tres veces) e patacas fritas con filetes rebozados. Boísimos! Os profes deixáronnos chamar ás familias ás 15:00 h e pola tarde fixemos o taller de estampaxe de camisetas. Primeiro fomos a buscar follas ao bosque e logo botamos a voar a nosa imaxinación e creatividade e creamos unhas composicións moi chulas. A continuación merendamos un bocadillo moi rico de nocilla e deixáronnos un pouco de tempo libre no que xogamos ao xogo do asasino na “ Palleira” (lugar onde nos reuniamos sempre para realizar as actividades).

Deunos tempo de darnos outro baño na piscina, onde seguimos gozando dos xogos cos nosos compañeiros. Despois de cear unha sopa moi rica e arroz con ovos e salchichas, celebramos o cumpreanos de Miriam e de sobremesa comemos tarta de chocolate, cantándolle os cumpreanos felices á nosa compañeira. Antes de terminar este día, fixemos unha velada con xogos tipo pictionary, de mímica, no que botamos a voar o noso enxeño. A continuación fómonos á cama para recuperar forzas para o seguinte día”. (Antía, Sandra, Isabel, María).

Terceiro día:

O noso terceiro día empezou como os anteriores e despois do suculento almorzo e de deixarnos un intre de tempo libre fixemos xogos relacionados co medio ambiente: a deforestación, a cadea trófica… Gustounos moito o da deforestación no que nós eramos árbores e as nosas monitoras eran os humanos que cunhas cordas nos ían cortando.

Estes xogos non soamente servíronnos para pasalo ben, senón que nos fixeron reflexionar sobre como estamos a coidar ou estragando o planeta. Despois do xantar da froita da media mañá (sandía, nectarinas ou laranxas), visitamos a Charca de Alvarella e alí recollemos tritones, zapateiros, aprendendo moitas cousas dese ecosistema. Nuns botes cazamos uns cantos insectos, pero logo devolvémolos á charca. Xa con fame, tomamos un rico puré de verduras e churrasco riquiiiiiiiisimo, tomando un xeado de sobremesa. Despois deixáronnos chamar a casa e xa recollemos todo para pola tarde regresar con pena ao colexio. Pola tarde deixáronnos un intre de tempo libre e despois fixemos unha avaliación destes días, recollendo as camisetas que estampamos.

Queremos agradecer aos monitores que estiveron connosco: Sira, Sofía, Jose e Juanjo, ás cociñeiras que nos fixeron unha comida riquísima e estiveron aí para todo o que facía falta e aos profesores que nos acompañaron, porque puidemos gozar duns días nos que nos demos conta de moitas cousas: gozamos dun ambiente natural e protexido, aprendemos a valorar moito máis o moito que temos que respectalo e coidalo e sobre todo aos nosos compañeiros, cos que fixemos lazos de unión máis aló das horas do colexio, porque convivindo aprendemos uns dos outros.

Non esqueceremos o ben que o pasamos en Alvarella!

 

Print Friendly, PDF & Email

Los comentarios están cerrados.