3º e 4º ESO visitan Fundación Cela e Casa de Rosalía
Os alumnos de 3º e 4º de ESO, xunto cos seus titores, desprazáronse este martes 13 a Iria Flavia para visitar a Fundación Camilo José Cela.
Nesta visita tivemos ocasión de coñecer aspectos da vida de Camilo José Cela que nos chamaron a atención. Ademais de lembrar que é autor de novelas como «La colmena», «La familia de Pascual Duarte», «Mazurca para dos muertos» e un longo etc… escoitamos moitas curiosidades: como que é o único escritor que foi galardonado co Premio Cervantes, Premio Príncipe de Asturias e Premio Nobel de literatura; que lle gustaba moito a pintura e tivo exposicións da súa obra; que era un gran coleccionista de todo tipo de obxectos (chama a atención a súa colección de orinais) e lembráronnos frases típicas del, como que era un home que tomaba «siesta de pijama y orinal».
Unha vez rematada a visita do Museo, nas mesmas dependencias da Fundación, os nosos alumnos fixeron un obradoiro no que, en grupos de catro, modificaron un diálogo da súa obra «Viaje a la Alcarria» , e tiveron que representala diante dos seus compañeiros caracterizados nesta especial ocasión.
Aproveitando o bo tempo que nos acompañou toda a xornada, desprazámonos camiñando á localidade veciña de Padrón para visitar a casa natal de Rosalía de Castro (Casa da matanza). Está organizada en dúas prantas, na primeira adicada á obra de Rosalía con textos manuscritos e explicacións dos seus traballos e da historia da casa. Na parte alta, observamos os obxectos reais da vivenda orixinaria e os mobles típicos dunha casa do século XIX.
Desprazámonos ata os Muíños da Barosa e xantamos nos seus merendeiros e, pola tarde, fixemos unha ruta de sendeirismo pola beira do río e das fervenzas deste paisaxístico lugar. Vimos os distintos tipos de muíños e escoitamos unha explicación de como se empregaban hai anos para facer a fariña e como eran un elemento indispensable para a supervivencia das familias dunha bisbarra.
O día foi un momento ideal para compartir cos compañeiros en comuñón coa natureza e que serviu para estreitar lazos neste curso que está a comezar.
Graciñas tanto a Fundación Camilo José Cela como ao persoal da casa de Rosalía pola súa acollida e bo trato.